Novas

Venres, Novembro 07, 2025

O Issga publica a guía “Pautas Issga. O radon no ámbito laboral. Obrigas preventivas”

O Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes (Real decreto 1029/2022) implica importantes novidades que afectan ao radon no ámbito laboral. Esta normativa, xunto co Plan Nacional contra o Radon, reforza o marco de protección contra este contaminante e tamén establece novas obrigas legais que fan necesario orientar aos titulares das actividades.

O gas radon é especialmente abundante en Galicia debido á súa xeoloxía e as características do terreo, cun alto contido en granito, sendo a comunidade autónoma de España con maior  número de municipios con poboación en áreas de actuación prioritaria, definidas a partir do Mapa de radon desenvolto polo Consello de Seguridade Nuclear (CNS). Por iso, un número elevado de empresas e actividades laborais van ter que cumprir con esta normativa

Non en balde, Galicia foi pioneira a nivel nacional elaborando e publicando no ano 2024 a súa propia “Estratexia para reducir a exposición ao radon en Galicia 2025-2030”, desenvolta pola  Consellería de Sanidade, cuxos obxectivos principais son reducir os niveis deste gas en ambientes interiores para cumprir co nivel de referencia e previr e controlar as consecuencias para a poboación galega da exposición ao radon.

Doutra parte, a colaboración co CSN ven a reforzar a execución da “Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027” que sinala como unha das medidas a de intensificar as actuacións de prevención na exposición a substancias e axentes perigosos, asesorando e sensibilizando ás empresas e servizos de prevención sobre as principais directrices recollidas na nova normativa laboral sobre o radon e sobre as responsabilidades e funcións desde o ámbito da prevención, con especial atención á medición dos niveis de concentración existentes. Todo isto de conformidade coas instrucións ditadas polo Consello de Seguridade Nuclear, órgano competente na materia, co que resulte do convenio coa ITSS segundo o establecido no Plan Nacional contra o Radon, así como a colaboración coas autoridades laboral e sanitaria.

Por este motivo, elaborouse a guía “Pautas Issga. O radon no ámbito laboral. Obrigas preventivas” no que recóllense as obrigas dos titulares das actividades laborais en relación co Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes (Real decreto 1029/2022) así como en senllos apéndices o Plan Nacional contra o Radon e a Estratexia para reducir a exposición ao radon en Galicia 2025-2030” .