Venres, Setembro 28, 2012
O ISSGA promove unha guía técnica para a prevención de riscos laborais nas obras de construción do instituto INSHT
• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, explicou que esta publicación ten en conta tanto as últimas modificacións normativas, como sentenzas nacionais e europeas
• Na xornada tamén se afondou na problemática que se presenta no día a día na aplicación da normativa
• Adela Quinzá-Torroja indicou que nos sete primeiros meses do 2012 producíronse no sector da construción en Galicia un total de 2.324 accidentes laborais con baixa, fronte aos 3.376 do mesmo período do ano anterior, o que significa unha redución dun 31,16%
Ourense, 28 de setembro de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organizou hoxe en Ourense unha xornada técnica sobre ‘A Nova Guía Técnica para a Avaliación e Prevención dos Riscos relativos as Obras de Construción’ elaborada polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT) en desenvolvemento do Real Decreto relativo a esta materia.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, pechou esta xornada, na que intervino o coordinador da elaboración da Guía desde o INSHT, técnicos de Mutuas, de Servizos de Prevención propios de empresas construtoras, así como técnicos do propio ISSGA.
Segundo explicou Quinzá-Torroja, o obxectivo da xornada foi dar a coñecer as novidades que incorpora esta recente versión da guía técnica. Esta publicación, que ten en conta tanto as últimas modificacións normativas, como sentenzas nacionais e europeas, foi elaborada de cara a facilitar a interpretación do Real Decreto 1627/1997 sobre Seguridade e Saúde nas Obras de Construción.
Na xornada tamén se afondou na problemática que se presenta no día a día na aplicación da normativa, tanto nas grandes obras como nas pequenas, tanto no que toca o papel das Unión Temporal de Empresas (UTEs), como dos traballadores autónomos, comunidades de veciños, propietarios de vivenda para uso propio, entre outros.
Esta actividade do ISSGA contou coa asistencia de preto de 80 persoas, tales como técnicos de prevención de riscos laborais, tanto dos servizos de prevención, coma das mutuas, das empresas construtoras, asociacións empresariais ou representantes dos traballadores. Tamén se dirixiu a coordinadores en fase de proxecto e de execución así como a técnicos proxectistas e directores de obras dos distintos colexios profesionais que interveñen no sector e, en xeral, a todos aqueles que poidan ter relación no seu día a día cos contidos da guía.
Adela Quinzá-Torroja indicou que nos sete primeiros meses do 2012 producíronse no sector da construción en Galicia un total de 2.324 accidentes laborais con baixa, fronte aos 3.376 do mesmo período do ano anterior, o que significa unha redución dun 31,16%. O índice de incidencia (número de accidentes por cada 100.000 traballadores) viuse reducido neste mesmo período nun 15,44%.
Esta acción formativa enmarcase dento do Plan de Actividades do ISSGA para o ano 2012, que inclúe tamén outras accións encamiñadas a redución da sinistralidade neste sector, tales como o Plan de Grandes Obras, que comprende visitas coordinadas coa Inspección de Traballo e Seguridade Social, o Programa de Obras Singulares, o Programa de Loita contra a Sinistralidade Absoluta e Recorrente, ou as actuacións relacionadas cos traballos con amianto.