Xoves, Outubro 25, 2012
O ISSGA promove na Coruña unha xornada técnica para difundir unha guía de prevención de riscos entre máis de 200 profesionais
A Coruña, 25 de outubro de 2012.- Máis de 200 profesionais de prevención de riscos laborais do ramo de seguridade no traballo asistiron a unha xornada técnica que organizou na Coruña o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) para difundir unha guía para a avaliación e prevención dos riscos na utilización de equipos de traballo.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe esta iniciativa que organizou a Consellería de Traballo e Benestar en colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco).
A guía foi desenvolvida polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT) e recolle as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización por parte dos traballadores dos equipos de traballo. Para a súa elaboración contouse coa colaboración do Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral (Osalan).
A directora do Instituto explicou que con este documento o que se pretende é proporcionar criterios e recomendacións que faciliten ao empresario e aos responsables da prevención a interpretación do Real decreto que regula a utilización de equipos no traballo.
A xornada técnica constou de cinco relatorios entre os que destacou o centrado nos equipos necesarios para a realización de traballos temporais en altura e no uso de técnicas de acceso e posicionamento mediante cordas.
Ao remate dos relatorios, os participantes tiveron a oportunidade de tomar parte nun coloquio cos expertos que elaboraron a guía.