Luns, Outubro 11, 2010
O ISSGA promove estratexias conxuntas de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco para incrementar a seguridade no sector pesqueiro
Directivos, técnicos e responsables de vixiancia da saúde dos institutos de seguridade e saúde laboral de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco asistiron o xoves, día 7 de outubro, na sede do ISSGA en Santiago á III Xornada de colaboración en prevención de riscos laborais no sector pesqueiro, e na que tamén participou a directora do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, INSHT.
A sesión, organizada polo ISSGA, tivo como obxectivo acordar liñas de actuación conxuntas entre as catro comunidades autónomas, que favorezan a seguridade dos profesionais do sector pesqueiro. A xornada abriuse coa intervención da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, que expuxo as actividades desenvolvidas polo instituto e, polo miúdo, as establecidas no marco do convenio asinado no pasado mes de xullo coa Consellería do Mar e a Federación de Confrarías de Pescadores de Galicia, así como o desenvolvemento do Plan Víxia que ten un carácter integral e permanente dende o 2000 no eido preventivo no sector De seguido, abordouse a creación dunha comisión de vixilancia da saúde no sector pesqueiro, integrada por representantes dos institutos das catro comunidades, así como o desenvolvemento dun proxecto dirixido á seguridade das flotas de baixura que faenan nas catro comunidades, para a súa financiación pola Fundación de PRL.
Amais, como futuras liñas de colaboración, o ISSGA propuxo na sesión analizar a viabilidade de participar en proxectos conxuntos en dous ámbitos, por unha banda na seguridade dos traballadores do sector naval, e por outra na prevención dos riscos psicosociais.
A III Xornada de colaboración en prevención de riscos laborais no sector pesqueiro obedece ao interese do ISSGA por aproveitar sinerxias e adoptar liñas de actuación conxuntas que melloren a seguridade dos profesionais do mar e reduzan as taxas de sinistralidade no sector. Amais dos responsables do ISSGA estiveron presentes os directores do INSHT, do Instituto Asturiano de Seguridade e Saúde Laboral, do Instituto Cántabro de Seguridade e Saúde no Traballo e do Instituto Vasco de Seguridade Laboral, OSALAN.