Novas

Mércores, Novembro 21, 2012

O ISSGA promove entre as pemes o uso dunha guía que facilita a xestión da prevención de riscos laborais nas empresas

O ISSGA promove entre as pemes o uso dunha guía que facilita a xestión da prevención de riscos laborais nas empresas

• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe en Lugo a xornada técnica ‘Guía para a simplificación documental’.

• A guía, elaborada polo INSHT, sintetiza a aplicación da normativa de prevención por parte das pemes e microempresas para axudar ao empresario a súa avaliación.

• O ISSGA conta cun programa específico para ofrecer asesoramento directo a pemes en materia preventiva para facilitarlles o cumprimento normativo do xeito más eficaz posible.

Lugo, 21 de novembro de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a promover a guía para a simplificación documental elaborada polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT) para facilitar ás pemes e microempresas a aplicación da normativa referida á xestión da prevención de riscos laborais.

A directora do Instituto, Adela Quinzá.Torroja, clausurou hoxe unha xornada sobre esta guía en Lugo, onde explicou que a guía pretende facilitar aos pequenos e medianos empresarios a elaboración da documentación necesaria para a xestión da prevención, de xeito que “os documentos sexan concretos e vivos” sobre os que se traballe continuamente en función dun posible cambio nos procedementos de traballo, a introdución de maquinaria nova ou por mor dun accidente ou enfermidade profesional.

Así mesmo, Quinzá-Torroja destacou a necesidade de facilitar ás empresas instrumentos para a mellora da eficacia na xestión da prevención nos centros de traballo e para un máis axeitado desenvolvemento das actividades en seguridade.

Por último, a responsable do ISSGA sinalou que un dos obxectivos do organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar é a colaboración con diversas entidades, entre elas o INSHT, para o cumprimento dos fins de prevención e promoción da seguridade e da saúde no traballo. Deste xeito, apuntou que dentro do Plan de Actividades para o 2012 do ISSGA resalta a posta en marcha dun programa para ofrecer un asesoramento directo a pemes en materia preventiva, para facilitar o cumprimento normativo do xeito máis eficaz posible.

Na xornada celebrada en Lugo participou, ademais, o director do departamento de Normas e Asistencia Técnica do INSHT; José Luis Castella, quen abordou unha análise pormenorizado da problemática coa que se atopa a prevención no momento actual, ao mesmo tempo que expuxo as súas causas co fin de amosar as posibles solucións, para dar, así, cumprimento aos obxectivos da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2007-2012.