Mércores, Maio 29, 2013
O Issga promove dúas xornadas técnicas para a prevención de riscos laborais na horta e no invernadoiro na que participarán 100 persoas
- A primeira das charlas tivo lugar hoxe en Outeiro de Rei (Lugo), na que se abordou tamén a utilización dos equipos de aplicación de fitosanitarios
- A segunda das xornadas terá lugar mañá en Ribadavia, onde se fará especial fincapé no sector vitivinícola
- As dúas iniciativas forman parte do Plan de Actividades 2013 do organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar
- Un dos obxectivos desta actuación é reducir a sinistralidade laboral no sector da agricultura
Outeiro de Rei (Lugo), 29 de maio de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a promover a importancia de previr os riscos laborais no sector da agricultura co obxectivo de reducir os índices de sinistralidade neste eido. Para elo, está a organizar diferentes xornadas técnicas centradas en diversos aspectos. Hoxe tivo lugar en Outeiro de Rei (Lugo) unha charla centrada na prevención na horta, no invernadoiro e nos equipos de aplicación de fitosanitarios. Esta iniciativa repetirase mañá en Ribadavia (Ourense), na que, ademais, farase especial fincapé no sector vitivinícola.
Estas dúas iniciativas, ás que acudirán ao redor de 100 persoas, forman parte do convenio asinado entre o Estado e a Xunta para o período 2012-2016 de acordo cos Plans de Zonas Rurais, no marco do programa de desenvolvemento rural sostible.
Na xornada que tivo lugar hoxe na provincia de Lugo destacáronse diferentes aspectos, como que as condicións de traballo en horta e invernadoiros constitúen “un obxectivo prioritario” nos contidos e actuacións formativas que se abordan desde o Instituto “para tratar de reducir a sinistralidade laboral e acadar unha verdadeira mellora das condicións de vida ligadas a esta actividade”.
A Consellería de Traballo e Benestar persegue co desenvolvemento destas xornadas concienciar e sensibilizar sobre a importancia de traballar nas mellores condicións de hixiene e seguridade e sobre a necesidade de incluír no traballo diario as medidas que eviten a aparición de enfermidades profesionais.
Con respecto á aplicación dos produtos fitosanitarios, que se abordou na xornada de hoxe, é preciso lembrar que existe unha formación obrigatoria que capacita para o manexo de produtos fitosanitarios, aínda que na xornada os técnicos indicaron que é necesario actualizarse na formación e complementala. Os especialistas nesta materia incidiron, ademais, na importancia de axudar a implantar rutinas de traballo no manexo de plaguicidas.
Na charla que tivo lugar en Outeiro de Rei participaron, entre outros, técnicos do Instituto que abordaron, entre outras cuestións, os criterios que se deben ter en conta á hora de avaliar os riscos de exposición a fitosanitarios e o efecto das medidas preventivas que se deben adoptar.
Así mesmo, interveu un dos compoñentes do equipo técnico da Universidade de Santiago que realizou un exhaustivo traballo de campo denominado ‘estudo de aplicación de fitosanitarios en invernadoiros de Galicia’, así como responsables da Consellería de Medio Rural e do Mar.