Novas

Venres, Outubro 03, 2014

O ISSGA presenta unha guía para a vixilancia da saúde na pesca de altura e gran altura en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco

Vigo, 3 de outubro de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organiza esta semana unha xornada centrada na presentación da ‘Guía de vixilancia da saúde na pesca de altura e gran altura de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco’.

Esta actuación encádranse dentro do ‘Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014’ e do ‘Plan anual de actividades do ISSGA’, e forma parte da oferta formativa deste organismo para o ano 2014.

A xornada ‘Unha aposta compartida: A Guía de Vixilancia da Saúde na pesca de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco. Documentos do ISSGA para a seguridade na pesca’ celebrarase na sede do Instituto en Pontevedra. Contará coa presenza de representantes dos servizos de prevención mancomunados da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo e de Mar Seguro, así como do Instituto Social da Mariña (ISM).

Esta actividade é froito da estreita colaboración desenvolvida nos últimos anos polo grupo de traballo formado polos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral das comunidades autónomas do litoral Cantábrico Noroeste de España (Pais Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia), grupo que está a liderar o ISSGA.

Este grupo traballou nos últimos anos na elaboración dunha ‘Guía de Vixilancia da Saúde para o sector da pesca’, documento que se presentará en Galicia nesta xornada. Este documento naceu coa finalidade de mellorar a calidade da práctica da vixilancia da saúde dos traballadores deste sector, ligada ás condicións de traballo e ás consecuencias que estas teñen sobre a súa saúde.

O obxectivo primordial da guía é ofrecer unha correcta orientación e uns instrumentos para implantar de forma adecuada a vixilancia específica da saúde das persoas traballadoras no sector pesqueiro, de tal xeito que se poida garantir o seu dereito á protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo.

Nesta xornada técnica tamén se presentará a documentación elaborada máis recentemente polo ISSGA relativa á prevención de riscos laborais no sector da pesca, entre a que cómpre destacar as follas de prevención e a colección denominada “Lembra”, así como diverso material audiovisual específico para o sector pesqueiro, que se porá a disposición das comunidades autónomas do litoral.

A clausura desta xornada técnica contará coa presenza da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja; Izaskun Urien Azpiarte, directora do Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral; Amalio Sánchez Grande, director do Instituto Cántabro de Seguridade e Saúde no Traballo; e Miryam Hernández Fernández, directora do Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais.