Xoves, Xuño 20, 2013
O ISSGA presenta o Plan de prevención de riscos laborais da Xunta nunhas xornadas sobre saúde laboral celebradas en Madrid
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou nunha mesa redonda sobre os Plans autonómicos en saúde laboral e prevención de riscos laborais, xunto con representantes das Comunidades de Madrid, Castela e León e Castela - A Mancha
- Esta mesa redonda enmárcase nas ‘XV Xornadas de Saúde Laboral e Prevención de Riscos’, organizada pola Sociedade Castelá de Medicina e Seguridade no Traballo
- O obxectivo da xornada é dar resposta ás actuais demandas de información científica sobre a medicina e seguridade no traballo e constituír un foro de reflexión e debate para actualizar os coñecementos e valorar propostas de futuro
Madrid, 20 de xuño de 2013.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe en Madrid o Plan de actuación en materia de prevención de riscos laborais da Xunta de Galicia, concretado no desenvolvemento do Plan de actividades do Issga para o 2013 e no Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014.
Quinzá-Torroja participou nunha mesa redonda sobre os Plans autonómicos nesta materia, xunto con representantes de Madrid, Castela e León e Castela - A Mancha.
Esta mesa redonda enmárcase nas ‘XV Xornadas de Saúde Laboral e Prevención de Riscos’, organizada pola Sociedade Castelá de Medicina e Seguridade no Traballo, que baixo o título 'Actualización, Innovación e Retos de Futuro’ tivo lugar na sede do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo en Madrid.
No marco destas xornadas tamén tiveron lugar unha mesa redonda sobre os programas de promoción e prevención en vixilancia da saúde laboral e dous paneis de expertos sobre a actualización, innovación e retos de futuro en prevención de riscos laborais e sobre a xestión da prevención e planificación da actividade preventiva. Nesta última participaron profesionais procedentes do ámbito sanitario e da prevención de riscos, tanto da actividade privada como da institucional, altamente cualificados e cunha dilatada traxectoria profesional.
O obxectivo da xornada é dar resposta ás actuais demandas de información científica sobre a Medicina e seguridade no traballo e constituír un foro de reflexión e debate para actualizar os coñecementos e valorar as propostas de futuro sobre a saúde laboral e a prevención de riscos, así como establecer vías de intercambio de coñecementos.
Os cambios producidos nas tres últimas décadas nos procesos industriais, a aparición de novos elementos e substancias que repercuten na saúde laboral dos traballadores e os cambios económicos e demográficos construíron un novo escenario para a prevención de riscos laborais e a saúde laboral, que require un esforzo de comunicación, apoio e participación de todos os actores que interveñen na prevención.