Novas

Xoves, Decembro 14, 2023

O ISSGA presenta a nova estratexia de SST ao alumnado do Máster en Xestión e Dirección Laboral e de Grao da USC

O ISSGA presenta a nova estratexia de SST ao alumnado do Máster en Xestión e Dirección Laboral e de Grao da USC

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023. A xerente do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, e a subdirectora xeral Técnica e de Planificación, Encarna Sousa, acudiron á Facultade de Relacións Laborais da USC para presentar a recentemente aprobada Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027 e achegar o traballo técnico do Instituto ao alumnado do Máster en Xestión e Dirección Laboral e de Grao.

Este máster, que conta coa implicación das tres universidades galegas e é financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, prepara aos egresados en titulacións vinculadas coas relacións laborais para que acaden unha alta cualificación profesional no eido da auditoría sociolaboral, a dirección laboral e a xestión de recursos humanos na empresa.

Na primeira intervención deuse a coñecer a estratexia galega como instrumento de consenso que marcará a folla de ruta dos próximos anos en materia de prevención de riscos laborais e promoción da saúde no traballo. Durante a exposición, a xerente comentou as fontes de información e os antecedentes para elaborar a estratexia e fixo un percorrido polos principios informadores que, polo seu carácter transversal, teñen presenza en todas e cada unha das medidas, como son a perspectiva de xénero e igualdade laboral, a prioridade de actuacións destinadas a pemes e a promoción da seguridade e saúde no traballo autónomo, entre outros. A continuación, presentou os seis obxectivos estratéxicos cos que se pretende acadar unha meta común: a redución da sinistralidade laboral a través da mellora da xestión preventiva dos riscos nos lugares de traballo, así como dar a adecuada resposta aos novos desafíos nun momento de especial dinamismo e transición que afectan ao eido laboral.

Tras un breve coloquio, tomou a palabra a subdirectora para explicar o plan de actuación e as funcións propias do organismo. Destacou o papel do ISSGA como principal executor da estratexia galega e a súa participación na execución do plan de acción da estratexia española e nos diferentes grupos de traballo técnicos. Seguindo os eixes do plan, fixo unha explicación das actuacións levadas a cabo polo Observatorio, as relacionadas coa investigación da sinistralidade laboral e as de comprobación realizadas polo persoal técnico habilitado. Comentou tamén a oferta formativa e campañas de sensibilización que ano tras ano se deseñan desde o Instituto por sectores, riscos ou colectivos co fin de sensibilizar e informar ao tecido empresarial galego.

Con esta e outras actuacións, o ISSGA continúa a tecer redes de alianzas co convencemento de que traballar en conxunto, xerando e compartindo coñecementos, é clave para protexer a saúde e seguridade do persoal traballador e fomentar unha cultura preventiva en Galicia para contribuír á redución da sinistralidade laboral, fomentando á súa vez o benestar laboral e a promoción da saúde no traballo. Un ano máis, queremos agradecer a Silvia Fernández e a todo o alumnado a súa participación no debate e o interese mostrado polo noso traballo.