Novas

Xoves, Xuño 03, 2010

O ISSGA presenta na Coruña o método MAPO de avaliación dos riscos na manipulación de pacientes hospitalizados

O Centro do ISSGA da Coruña celebrará o 4 de xuño a xornada técnica “Presentación para a adaptación para España do método MAPO para a manipulación de pacientes en hospitais”, dirixida a persoal do ámbito sanitario e traballadores sociais.

O método MAPO, que se emprega en hospitais e centros médicos de Italia, é un sistema concebido para avaliar o risco xerado pola mobilización dos pacientes en centros sanitarios, obter unha maior ergonomía e reducir os riscos de sufrir lesións músculo - esqueléticas por parte dos traballadores. O método contempla tres variables: unha para quirófanos, outra para hospitalización e outra para consultas externas. Este método incide, entre outros, en aspectos como: a descrición do ambiente de traballo o tipo de mobilización de pacientes non autónomos, a formación recibida polos traballadores, ou o equipamento existente para o levantamento ou a transferencia de pacientes.

A xornada técnica será presentada polo subdirector xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, José Rega Piñeiro A continuación, Rocío Seoane Farré, técnica de Ergonomía e Psicosocioloxía aplicada do Centro ISSGA da Coruña, fará unha descrición da situación da manipulación manual nos centros de asistencia sanitaria.

Enrique Álvarez-Casado, profesor da Universitat Politècnica de Catalunya, presentará o Novo Informe Técnico ISO "Manipulación manual de persoas no sector sanitario".
Natale Battevi, médico do Traballo da Unità dei Ricerca Ergonomia della Postura e do Movimento (EPM) falará sobre o índice de risco MAPO e o dano lumbar; e Diana Robla, técnica PRL especialista en Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, compartirá as experiencias prácticas na avaliación do risco por mobilización manual de pacientes en centros hospitalarios.

Ao remate da xornada, celebrarase un coloquio entre os asistentes tralo cal a directora do ISSGA, Adela Quinzá -Torroja García, clausurará o acto.