Novas

Xoves, Marzo 26, 2015

O Issga presenta as Fichas de investigación de enfermidades profesionais no sector agrario en Lugo

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organiza en Lugo unha xornada técnica para a presentación das “Fichas de  investigación de enfermidades profesionais no sector agrario”, que se enmarca dentro da oferta formativa do Instituto para este ano 2015 e que abre o ciclo de xornadas técnicas que terán lugar este ano no Centro Issga de Lugo. O obxectivo desta actividade formativa é informar sobre as medidas preventivas que evitarían as enfermidades profesionais e que se poden aplicar en postos de traballo similares.

Entre as funcións do ISSGA está a de analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes dos riscos laborais, dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais, establecendo un carácter sectorial e territorial, abordar o seu estudo preventivo e propor, de ser o caso, medidas correctoras. En cumprimento deste fin,  faise necesario desenvolver ferramentas divulgativas e de fácil interpretación, para o que se presentan en forma de colección estas Fichas de investigación de enfermidades profesionais.

As coordinadoras desta publicación, Mª Paz Eyre Vázquez, xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral e Myriam Garabito Cociña, xefa de Sección de Recoñecementos e Análises do Centro Issga de Lugo, expuxeron cómo seleccionaron aquelas enfermidades profesionais máis representativas pola súa frecuencia e, a partir da investigación que realizaron os técnicos do Issga, sintetizaron a información máis relevante en catro epígrafes: a descrición da actividade, da enfermidade profesional, das súas causas e das accións correctoras e medidas preventivas que se deben adoptar.

O peche da xornada corresponde ao subdirector xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, Fernando González Abeijón.

O documento que hoxe se presentou complementa o elaborado o pasado ano polo Issga de similares características, Fichas de investigación de accidentes no sector agrario, no que se seleccionaron aqueles 19 accidentes laborais máis representativos pola súa frecuencia ou gravidade.

Ambos os dous documentos pódense consultar nas seguintes ligazóns.