Novas

Mércores, Xuño 17, 2026

O Issga presenta a campaña “No mar, cada detalle conta” para avanzar cara a unha pesca máis segura

imaxe campaña "no mar cada detalle  conta"

Santiago de Compostela,  17 de xuño de 2026


A Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), presenta a nova campaña de sensibilización “No mar, cada detalle conta”, impulsada pola Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), co obxectivo de promover a prevención dos riscos laborais no sector pesqueiro e contribuír á redución dos accidentes laborais no ámbito marítimo-pesqueiro.

A iniciativa está dirixida ás persoas traballadoras do sector pesqueiro, incluíndo tripulacións, patróns, armadores e demais profesionais vinculados á actividade, e busca reforzar a importancia dos pequenos xestos e das decisións cotiás como elementos fundamentais para evitar accidentes e garantir unhas condicións de traballo máis seguras a bordo.

A campaña foi elaborada no marco dos traballos desenvolvidos pola Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), coa participación do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) e dos órganos técnicos das comunidades autónomas. Neste proceso participou, en representación do Issga, Diego Castro Balboa, xefe da Área Técnica do Centro Issga de Pontevedra, contribuíndo á elaboración dos contidos da iniciativa. O Issga colaborará tamén na súa difusión entre o persoal técnico, empresas e profesionais do sector pesqueiro galego, co obxectivo de achegar estas mensaxes preventivas ao ámbito marítimo-pesqueiro.

Baixo o lema “No mar, cada detalle conta”, a campaña pon o foco na prevención dos principais riscos asociados ao traballo a bordo e transmite unha mensaxe clara: unha pequena acción preventiva pode marcar a diferenza entre un traballo seguro e un accidente.

O sector pesqueiro desenvolve a súa actividade nun contorno especialmente esixente, condicionado por factores como o movemento da embarcación, as condicións meteorolóxicas, os espazos reducidos de traballo ou a utilización de equipos e elementos sometidos a importantes esforzos. Por este motivo, a prevención debe estar presente en todas as tarefas, desde a preparación das operacións ata a súa execución.

Entre os contidos da campaña destacan as recomendacións para evitar golpes e atrapamentos, prestando atención aos movementos da embarcación, aos elementos da cuberta e á correcta organización das zonas de traballo; a prevención das caídas ao mesmo e distinto nivel, especialmente durante os desprazamentos pola cuberta ou en situacións de mar adversa; e a importancia de extremar as precaucións durante as operacións con artes, aparellos e cabos.

Neste último ámbito, a campaña lembra a necesidade de realizar as manobras de forma segura e manter unha especial atención aos riscos asociados á tensión dos cabos, xa que a súa rotura ou liberación repentina pode provocar golpes de elevada gravidade ás persoas que se atopen na súa zona de acción.

Do mesmo xeito, incídese na importancia do uso adecuado dos equipos de protección individual e, especialmente, do chaleco salvavidas, un elemento esencial para reducir as consecuencias dunha posible caída ao mar. A súa utilización, xunto co cumprimento dos procedementos de seguridade e o adecuado mantemento dos medios dispoñibles a bordo, constitúe unha medida fundamental de protección para a tripulación.

O Issga, no marco do seu compromiso coa mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo no sector marítimo-pesqueiro galego, contribuirá á divulgación desta campaña mediante a difusión dos seus materiais e mensaxes preventivas entre os axentes implicados, reforzando a sensibilización sobre a necesidade de integrar a prevención como parte esencial da actividade diaria no mar.

A iniciativa súmase ás actuacións que o Issga desenvolve para impulsar unha cultura preventiva no sector pesqueiro galego, promovendo a anticipación aos riscos, o traballo seguro e a responsabilidade compartida de todas as persoas que participan nesta actividade.
Porque no mar, cada detalle conta. Cada xesto seguro suma. Cada persoa importa.

Enlace da campaña "En el mar, cada detalle cuenta"