Novas

Luns, Novembro 22, 2010

O ISSGA pon en marcha unha Comisión de Integración da Igualdade, para impulsar actuacións preventivas en sectores laborais feminizados

O ISSGA pon en marcha unha Comisión de Integración da Igualdade, para impulsar actuacións preventivas en sectores laborais feminizados

Esta mañá tivo lugar o acto de constitución da Comisión para a Integración da Igualdade, creada por iniciativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA, para asesorar sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero na prevención de riscos laborais. Está presidida polo subdirector xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, e integrada por nove vogais, tres en representación da Consellería de Traballo e Benestar, tres pola CEG e outros tres polas organizacións sindicais CCOO, UGT e CIG, tal e como determina a resolución do ISSGA de 14 de outubro de 2010 pola que se crea.

A Comisión para a Integración da Igualdade é un órgano permanente técnico de carácter asesor nos aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos. Asesorará para que as políticas de prevención de riscos laborais teñan en conta os aspectos relacionados coa igualdade de xénero. Impulsará actuacións preventivas específicas en sectores laborais feminizados, con medidas como a vixilancia da saúde das traballadoras autónomas, mariscadoras e agricultoras. Entre outras iniciativas, a comisión proporá medidas de protección da saúde laboral das traballadoras nos períodos de embarazo, maternidade e lactación.

A posta en marcha desta comisión vai asegurar unha especial atención ás especificidades dos sectores laborais feminizados, tal e como quedou patente na sesión constitutiva de hoxe, celebrada na sede do ISSGA en Santiago, na que os membros da comisión abordaron a orientación e deseño das primeiras liñas e actividades a por en marcha. Acordaron recompilar toda a información e traballos realizados ata agora neste eido polos axentes integrantes da comisión, de xeito que se poña en común todo o coñecemento dispoñible e identificar aqueles aspectos de actuación preferentes nesta primeira fase inicial.