Novas

Martes, Febreiro 16, 2010

O ISSGA pon en marcha unha campaña de concienciación e sensibilización para previr os accidentes laborais

O ISSGA pon en marcha unha campaña de concienciación e sensibilización para previr os accidentes laborais

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe en rolda de prensa os pormenores do plan, que está dirixido á sociedade en xeral.

A campaña, enmarcada no Plan de Actividades 2010 do instituto, inclúe un plan de difusión nos medios de comunicación e no exterior cun circuíto de valados por toda Galicia.

ISSGA levará a cabo en próximas datas unha campaña de promoción dirixida a colectivos determinados, como escolares e alumnos e docentes de Formación Profesional, e accións de asesoramento para o colectivo dos autónomos e os sectores con alto risco de accidentablidade, como as Pemes.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) puxo hoxe en marcha unha campaña de sensibilización que se denominará ‘Coa prevención de riscos no traballo a vida espérate’, coa que pretende concienciar e sensibilizar a toda a sociedade en xeral sobre a importancia da prevención laboral.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe os pormenores da campaña e salientou que “a súa finalidade é concienciar non só da necesidade de reducir os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais, senón ir máis alá, e amosar as vantaxes da prevención como instrumento de mellora das condicións de traballo”.

Engadiu, neste sentido, que “o principal é informar sobre os beneficios da prevención, de aí que escolleramos un lema positivo, A vida espérate”.

A campaña, que se desenvolverá ao longo dun mes, enmárcase no Plan de Actividades 2010 do ISSGA. Consiste, en concreto, nun plan de difusión nos medios de comunicación (televisión e radio), así como anuncios en prensa e en Internet. Ademais, colocarase un circuíto de valados durante todo marzo por toda Galicia, en preto de 300 emprazamentos.

“O que queremos é que ao ISGGA se lle identifique non só como un organismo que elabora e difunde estadías de siniestralidade laboral, senón como un instrumento proactivo para que a prevención de riscos laborais se instale no traballo cotiá dos galegos e galegas”, precisou Quinzá-Torroja.

A directora do ISSGA tamén incidiu en que o Plan de Actividades 2010 do organismo inclúe en próximas datas unha campaña de promoción dirixida a colectivos determinados, como os escolares e alumnos e docentes de Formación Profesional.

Así mesmo, apuntou que se levarán a cabo accións de información, formación, asesoramento técnico e seguimento e control dirixidos aos autónomos e sectores considerados de alto risco dende o punto de vista da súa accidentabilidade e, en especial, ás Pequenas e Medianas Empresas (Pemes). Co respecto a este último aspecto, Quinzá-Torroja lembrou que o Plan de Acción do ISSGA para 2010 incidirá nestes últimos sectores e na pesca e construción.