Novas

Mércores, Xuño 16, 2010

O ISSGA participará nunhas xornadas de UGT sobre riscos psicosociais en Santiago e Vigo

O ISSGA participará nas xornadas “Protocolos sobre Acoso Laboral: Procedemento de Solución Autónoma de Conflitos de Violencia Laboral” que terán lugar os días 17 e 18 de xuño en Santiago e Vigo, respectivamente, organizadas por UGT Galicia e a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, co obxectivo de difundir a importancia da prevención dos riscos psicosociais nas empresas, a súa detección e tratamento .

Nas xornadas presentarase un protocolo de actuación de acoso moral no traballo realizado por profesores das universidades de Castellón e Valencia e Ana Mejías, avogada de UGT da Comunidade Valenciana, que servirá como ferramenta para afrontar os diversos momentos nos que se presenta a violencia no traballo e a súa gravidade implícita.

Trala presentación, a cargo de UGT Galicia, UC Vigo e o ISSGA, representado pola súa directora, Adela Quinzá-Torroja García, Mª Jesús Copa Arias, xefa da Sección de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do ISSGA, ofrecerá un relatorio.

A continuación , os autores do protocolo de acoso laboral, Miguel A.Gimeno Navarro, Enrique J. Carbonell Vayá e Ana Mejías García realizarán a exposición do mesmo.

A xornada de Vigo terá lugar no Hotel Coia, na rúa Sanxenxo nº 1, e a de Santiago no Hotel Congreso, sito na estrada de A Estrada, km 3.