Novas

Venres, Abril 26, 2024

O Issga participa nunha xornada técnica sobre traballo e benestar emocional en Santiago

Imaxe xornada técnica

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

O ISSGA participou hoxe en Santiago de Compostela na xornada divulgativa SAFETY WEEK 2024 Traballo e Benestar emocional, incluída na programación da semana de seguridade e saúde no traballo realizada pola empresa Stolt Sea Farm e dentro das accións realizadas con motivo do Día mundial da seguridade e saúde no traballo que se conmemora o vindeiro domingo 28 de abril.

A Subdirectora Xeral Técnica e de Planificación, Mª Encarnación Sousa Rodríguez, expuxo as principais actividades e actuacións desenvolvidas polo ISSGA como órgano técnico en prevención de riscos laborais e de promoción da seguridade e saúde no traballo, dentro do marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e do Plan de actuación do instituto para o ano 2024.

Pola súa banda, César André Rivas, xefe da a Sección de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada, abordou a problemática do benestar emocional e saúde mental no traballo. Incidiuse na importancia de identificar determinados síntomas que deben ser recoñecidos e sobre a repercusión e consecuencias de do estrés laboral na saúde das persoas traballadoras (enfermidades crónicas, aparición de diversas patoloxías, absentismo, etc). Finalizou o relatorio cunha serie de recomendacións para a mellora do benestar emocional.

A xornada transmitiuse en directo a través das aplicacións corporativas a todos os centros de Stolt Sea Farm (España, Portugal, Francia, Islandia e Noruega), e foi gravada, subtitulada e divulgada internamente a través da intranet corporativa con alcance a varios países.