Xoves, Maio 28, 2026
O Issga participa nunha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais no sector da xestión de residuos
Santiago de Compostela 28 de maio de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou onte na xornada técnica organizada por Aproema centrada nos retos da prevención de riscos laborais no ámbito da xestión de residuos, un sector estratéxico en Galicia tanto polo seu peso económico como polos importantes desafíos preventivos asociados á actividade.
A iniciativa enmárcase nas actuacións recollidas na ficha 4.1.8 do Plan de actuación ISSGA 2026, centrada na prevención de riscos laborais no sector da xestión de residuos, unha actividade en continua transformación e cunha crecente complexidade técnica e preventiva. Esta liña de traballo ten como finalidade impulsar a mellora da xestión preventiva nas empresas do sector, contribuíndo á redución da accidentabilidade laboral e das enfermidades profesionais.
En Galicia, o sector da xestión de residuos emprega arredor de 4.500 persoas traballadoras repartidas en máis de 400 empresas, que desenvolven actividades relacionadas tanto coa xestión de residuos perigosos e non perigosos como con novos ámbitos emerxentes vinculados á reciclaxe de equipos electrónicos, paneis solares e outros materiais asociados á transición ecolóxica e dixital.
Durante a xornada, María José Camino Vieiro, técnica de Seguridade e Saúde Laboral da área de Hixiene Industrial, puxo en valor a necesidade de avanzar na implantación de protocolos específicos de prevención de riscos laborais na actividade de xestión de residuos, co fin de proporcionar ferramentas prácticas que permitan reforzar a seguridade e mellorar as condicións de traballo nas distintas actividades do sector.
Asi mesmo, presentouse o proxecto do Novo Mapa de Risco Químico, no que como novidade, no que como novidade, está incluído o sector da Xestión de Residuos co fin de impulsar a súa participación na elaboración do cuestionario de recollida de datos e para a suma de empresas ao proxecto de mapa de risco químico en Galicia nesta actividade.
A participación nesta xornada reforza a colaboración entre o Issga e APROEMA para impulsar actuacións conxuntas de sensibilización, información técnica e mellora da prevención, nun ámbito especialmente relevante desde o punto de vista ambiental, industrial e laboral.