Novas

Xoves, Marzo 06, 2025

O ISSGA participa nunha xornada técnica organizada polo INSST sobre a integración da perspectiva de xénero na seguridade e saúde no traballo para conmemorar o Día Internacional da Muller

imaxe xornada INSST

Madrid, 6 de marzo de 2025

As mulleres do mar son un dos colectivos prioritarios para o Issga: coñecer as súas condicións de traballo, os seus riscos laborais e o recoñecemento das súas enfermidades profesionais, e propiciar melloras na súa actividade laboral. Por iso o Issga impulsou a realización de estudos de saúde laboral, guías de boas prácticas, campañas de sensibilización, accións formativas e xornadas divulgativas para axudar a un colectivo altamente feminizado con gran número de traballadoras por conta propia e cun traballo moi singular como son é o caso das mariscadoras a pé e as redeiras.

Nieves Lorenzo Espeso xefa da área Técnica de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do centro territorial do Issga na Coruña participou hoxe na xornada técnica organizada polo INSST en Madrid: Integración da perspectiva de xénero en Seguridade e Saúde no Traballo. Na súa intervención expuxo a súa experiencia e o traballo desenvolvido no Issga sobre as mulleres do mar as súas condicións de traballo, os riscos laborais nas súas actividades e as enfermidades profesionais.

A perspectiva de xénero en SST é un reto clave para garantir condicións laborais seguras e saudables para toda a poboación traballadora e ten un lugar destacado na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027.  A pesar  dos avances normativos e técnicos, as diferenzas de xénero seguen influíndo na exposición a riscos laborais, na percepción e comunicación dos devanditos riscos e os danos profesionais, e na implementación de medidas preventivas eficaces, e en definitiva, na seguridade e saúde laboral.