Novas

Luns, Outubro 22, 2012

O ISSGA participa nunha xornada sobre a prevención de riscos laborais no concello de San Cibrao das Viñas

• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe a ‘Semana da Prevención de Riscos Laborais’ dentro da campaña ‘A túa prevención non é un xogo’
• Durante esta semana levaranse a cabo diversos simulacros sobre a utilización de medios de extinción de lumes, primeiros auxilios e evacuación
San Cibrao das Viñas (Ourense), 22 de outubro de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) participa esta semana en San Cibrao das Viñas nunha xornada sobre a prevención de riscos laborais. O obxectivo da xornada é dar a coñecer a importancia da integración da prevención na xestión da empresa, especialmente no sector primario.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe no Polígono de San Cibrao das Viñas a ‘Semana da Prevención de Riscos Laborais’ que se enmarca dentro da campaña ‘A túa prevención non é un xogo’, cuxas actividades están cofinanciadas pola Consellería de Traballo e Benestar. A directora indicou que durante esta semana levaranse a cabo diversos simulacros sobre a utilización de medios de extinción de lumes, primeiros auxilios e evacuación. Ademais, realizaranse seminarios sobre a redacción dun plan de mobilidade, os riscos psicosociais, o absentismo laboral ou a risoterapia.

Quinzá-Torroja salientou que desde o ISSGA “leváronse a cabo dous estudos co obxectivo de crear unha ferramenta de consulta que permita coñecer os recursos e a capacidade de actuación dos polígonos industriais galegos ante emerxencias”.

Nesta liña, un dos obxectivos destes estudos é dotar ás empresas dunha información útil para garantir a seguridade e saúde das persoas ante os riscos do traballo. En ambos estudos tívose en conta as características de varios polígonos industriais galegos, entre eles o de San Cibrao das Viñas.

Ademais, a directora xeral recordou que o ISSGA está a traballar na elaboración dun mapa de risco químico de Galicia para o que se seleccionaron empresas de toda a Comunidade, en concreto na provincia de Ourense participaron dez empresas, das que seis pertencen ao Polígono de San Cibrao.

Por último, Quinzá-Torroja destacou o importante papel que teñen as asociacións de empresarios dos polígonos e parques empresariais, xa que actúan “como dinamizadores, xestores e interlocutores no ámbito da prevención”.