Novas

Venres, Decembro 14, 2012

O ISSGA participa nunha xornada informativa da CEG sobre coordinación de actividades empresariais

Onte tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago de Compostela unha xornada informativa de prevención de riscos laborais sobre a coordinación de actividades empresariais e a súa rendibilidade para a empresa, na que participou Héctor González Nóvoa, técnico de prevención do Centro do ISSGA en Ourense.

O propósito desta xornada foi informar ao tecido empresarial sobre as dúbidas que lle xorden ás partes implicadas na coordinación das actividades empresariais neste eido da prevención de riscos laborais. E, por outro lado, tratouse de que as empresas coñezan coa maior precisión posible os medios de coordinación que deben empregar para cumprir co seu deber de cooperación en cada situación concreta.

Na primeira parte da xornada abordouse o marco legal da coordinación empresarial en España, as diferentes figuras que interveñen nela e as responsabilidades do empresario e mandos intermedios.

A continuación expuxéronse as solucións para coordinar de forma proactiva con exposición de casos prácticos de como determinadas empresas coordinan as súas actividades para rematar facendo referencia á coordinación de actividades empresariais nos procesos de internacionalización.

No marco da xornada presentouse o proxecto da CEOE “Axencia Virtual de Comunicación para o Desenvolvemento de Accións Informativas sobre Prevención de Riscos Laborais”. Trátase dunha plataforma en liña para a realización de campañas de comunicación sobre prevención personalizadas co logotipo da empresa e traducidas a tódolos idiomas do territorio nacional.