Novas

Luns, Novembro 30, 2009

O ISSGA participa nunha xornada destinada a concienciar sobre a problemática da sinistralidade viaria no ámbito laboral

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja García, inaugurou hoxe, en nome da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a xornada “A seguridade viaria na empresa”, que celebrou a Fundación MAPFRE na sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais, en Santiago de Compostela.

A problemática dos accidentes laborais de tráfico segue a ser unha materia pendente no ámbito da prevención de riscos laborais, xa que, malia as actuacións que veñen realizando as institucións e axentes implicados, os datos oficiais revelan que van en aumento. Na xornada, Manel Fernández Jiménez, presidente da Asociación de Especialistas en Prevención y Salud Laboral (AEPSAL), incidiu en que os accidentes laborais viarios non constitúen só o 8,5% dos accidentes laborais, senón tamén os de maior letalidade, e son máis resistentes á redución que os accidentes laborais e os de tráfico.

Quinzá-Torroja foi tamén a encargada de moderar a mesa redonda “A prevención dos accidentes de tráfico na actualidade”, na que interviron Ascensión Esteban, secretaria de Saúde Laboral e Medio Ambiente de CC.OO. de Galicia; Ana García, xefa do Departamento de Prevención de Riscos Laborais (PRL) da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); Víctor Fernández Prieto, da Oficina Técnica de PRL de UGT de Galicia; e Carlos Martínez Corral, vicepresidente de APROSAL (Asociación de Profesionais da Seguridade e Saúde Laboral de Galicia).

Na mesa de debate, a directora do ISSGA prantexou algunas cuestións, como a conveniencia ou non de que o risco viario estea comprendido dentro das avaliacións de riscos que, segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais, deben efectuar todas as empresas. Tamén chamou a atención sobre o feito de que máis do 90% dos condutores españois non superarían o exame sobre as normas do código de circulación, segundo un estudo elaborado pola Confederación Nacional de Autoescuelas.

Trala celebración da mesa redonda, tivo lugar un coloquio no que saíron a debate temas como o alcoholismo e a súa influencia neste tipo de accidentes.

A Fundación MAPFRE está a organizar xornadas sobre esta temática en todas as provincias, coa fin de evitar a alta taxa de sinistralidade laboral provocada polos desprazamentos dos traballadores. Así mesmo, dentro do seu obxectivo de fomentar a prevención de riscos laborais e de loitar contra a sinistralidade, o ISSGA incluíu a seguridade viaria no ámbito laboral no seu programa formativo para o ano 2009, que se concretará coa celebración dunha xornada técnica sobre esta problemática este mércores, 2 de decembro, no seu centro provincial de Ourense.