Luns, Marzo 27, 2023
O ISSGA participa nunha xornada de seguridade laboral en Valdeorras
Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), 27 de marzo de 2023
Hoxe tivo esta actividade formativa organizada pola Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense.
De feito, o pasado sábado, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), e a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a través da Xefatura Central de Tráfico, asinaron un protocolo de colaboración para a mellora da seguridade viaria e laboral de Galicia para reducir os accidentes de tráfico no ámbito do traballo e co reto de xuntar esforzos cara unha maior sensibilización do tecido empresarial galego.
Ángel López Álvarez, xefe do Centro ISSGA_Ourense fixo unha exposición sobre a tipoloxía de accidentes da lousa. Na xornada tamén se abordaron temas como a análise da sinistralidade viaria no sector, a estiba da carga e recollida de traballadores no sector do transporte ou as condicións dos vehículos no sector da minaría, entre outros.
Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en congresos, feiras, xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional.