Martes, Xuño 22, 2021
O ISSGA participa nunha reunión do recentemente constituído grupo de traballo de enfermidades profesionais
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021. O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) participa na 1ª reunión do Grupo de Traballo sobre Enfermidades Profesionais de cooperación técnica bilateral CCAA- INSST.
A esta reunión acode, por parte do ISSGA, Nieves Lorenzo Espeso, xefa da área de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do centro Issga da Coruña.
O centro Issga de A Coruña participou xunto con outras 3 provincias d ámbito nacional nun estudo piloto de campo de investigación de enfermidades profesionais para o ensaio dun procedemento de específico xunto coas das Direccións Provinciais da Inspección de Traballo e Seguridade Social e os Órganos Técnicos das CCAA.
O Grupo de Traballo sobre Enfermidades Profesionais CCAA- INSST proponse coa misión de contribuír á prevención e control dos riscos laborais que están a xerar enfermidades profesionais, mellorar a protección da saúde laboral das persoas traballadoras e asesorar ás empresas e servizos de prevención para a xestión destes danos profesionais.
Todo iso, a través da xeración do coñecemento sobre o comportamento, distribución e causas das enfermidades profesionais e daquelas outras que se relacionan coas condicións de traballo. Promoverase a aplicación de métodos e estratexias de epidemioloxía laboral de campo, como base para a toma de decisións na priorización de plans de actuación e programas de prevención das enfermidades profesionais por parte das Administracións Públicas con competencias en materia de Seguridade e Saúde no Traballo e morbilidade de orixe laboral.
Este grupo será un foro de cooperación interinstitucional para o debate, deseño e intervención e aglutinador de experiencias territoriais de interese como base dun “Coñecemento colectivo en enfermidades profesionais” baseado nas experiencias de campo e a súa análise epidemiolóxica.