Novas

Mércores, Abril 22, 2026

O Issga participa nunha mesa redonda sobre os avances e retos en seguridade e saúde laboral

  • O acto tivo lugar nas instalacións de Ence en Pontevedra con motivo do Día mundial da seguridade e saúde no traballo

Pontevedra, 22 de abril de 2026. Diego Castro Balboa, xefe da área Técnica de Seguridade no Traballo e Hixiene Industrial do Centro Issga_Pontevedra, participou nnha mesa redonda organizada nas instalacións de Ence en Pontevedra na que se analizaron tanto os logros conseguidos nos últimos tempos como os desafíos do futuro. Destacou a consolidación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia  (Issga) como organismo autónomo desde a súa creación no ano 2007 que conferiu a Galicia, ás empresas e ás persoas traballadoras unha estrutura potente de seguridade laboral e prevención na que o instituto se percibe como un punto de referencia ao que poder acudir ante calquera necesidade.

Púxose en valor o papel do liderado, a implicación da  dirección e a importancia da concienciación dos traballadores, xuntando a estratexia empresarial con todo o que as persoas traballadoras poden achegar.

A contorna laboral está a cambiar enormemente; as novas tecnoloxías e os novos procesos carrexan tamén novos riscos. Hai un cambio radical na esixencia mental, na inmediatez das cousas e no nivel de estrés ao que estamos sometidos. 

A mesa redonda concluíu cunha idea moi clara: os cambios globais, empezando polos que incumben á seguridade e á saúde, comezan nun mesmo, pero conseguir a excelencia é un traballo en equipo entre empresas, traballadores/as e sociedade.