Novas

Martes, Abril 21, 2026

O ISSGA participa nunha conferencia na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia sobre prevención de riscos laborais

imaxe escola superior de conservación

Pontevedra, 21 de abril de 2026

A través da Coordinación de Seguridade e Saúde da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia organizouse, en colaboración co ISSGA de Pontevedra, unha conferencia sobre seguridade e saúde laboral dirixida a todo o profesorado e alumnado do centro.

A xornada celebrada o 21 de abril na Aula Magna da Escola,  tivo como obxectivo achegar coñecementos preventivos específicos vinculados ás tarefas de conservación e restauración de bens culturais, unha actividade que require unha especial atención ás condicións de seguridade e saúde no traballo. A actividade contou cunha ampla participaron do alumnado das tres especialidades impartidas no centro: Bens Arqueolóxicos, Bens Escultóricos e Bens Pictóricos.

No marco do programa, Antonio Lama Varela,  xefe da Sección de Hixiene Industrial e Técnicas Analíticas do Centro ISSGA de Pontevedra, impartiu a conferencia “Riscos laborais en tarefas de conservación e restauración de bens culturais”, na que abordou os principais perigos asociados á exposición a produtos químicos, po, axentes físicos e outros factores presentes nestes traballos especializados.

Pola súa banda, José Miguel López Gey, xefe da Sección de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do Centro ISSGA de Pontevedra, desenvolveu a ponencia “Riscos ergonómicos en tarefas de conservación e restauración de bens culturais”, centrada na prevención de lesións musculoesqueléticas, posturas forzadas, movementos repetitivos e organización adecuada dos postos de traballo.

Con esta iniciativa, o ISSGA pon de manifesto a súa implicación e compromiso coa promoción da cultura preventiva desde as primeiras etapas formativas, fortalecendo a colaboración cos centros educativos galegos e achegando ao alumnado coñecementos esenciais para integrar a seguridade e a saúde laboral desde o inicio da súa traxectoria profesional.