Martes, Xuño 09, 2026
O Issga participa nun webinar técnico sobre a xestión do amianto nas empresas e reforza o seu compromiso coa prevención deste risco laboral
Santiago de Compostela., 9 de xuño 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou no webinar técnico sobre xestión do amianto nas empresas organizado por Bureau Veritas España, un encontro especializado centrado nos retos actuais do desamiantado, a prevención dos riscos derivados da exposición ao amianto e as obrigas normativas asociadas á retirada destes materiais.
A participación do ISSGA correu a cargo de Lucía Ferrón, quen abordou a experiencia de Galicia na xestión preventiva dos traballos con risco por amianto, así como o labor de asesoramento, control e seguimento técnico desenvolvido polo organismo autonómico para garantir a protección das persoas traballadoras.
Durante a súa intervención púxose en valor o papel do Issga na tramitación das autorizacións e plans de traballo para actuacións con amianto, así como as accións de sensibilización, información e comprobación técnica que se desenvolven no marco das políticas autonómicas de prevención de riscos laborais.
O amianto constitúe un dos riscos emerxentes prioritarios no actual contexto europeo, marcado pola necesidade de avanzar cara á retirada progresiva dos materiais que aínda permanecen instalados en edificios e infraestruturas. Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través do Issga, vén reforzando as actuacións vinculadas ao control destes traballos, á protección da saúde das persoas traballadoras e á promoción dunha cultura preventiva fronte á exposición a este axente canceríxeno.
Estas actuacións teñen un papel destacado tanto na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 como no Plan de actuación do Issga 2026, que reforza este ano as medidas de asesoramento técnico, control e sensibilización fronte aos riscos derivados do amianto, especialmente nos sectores da construción, mantemento e rehabilitación.