Novas

Martes, Outubro 27, 2009

O ISSGA participa nun seminario sobre a normativa reguladora dos produtos químicos e a súa aplicación en prevención de riscos laborais

O xefe do centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) da Coruña, Miguel Martínez Losada, participou hoxe como ponente no II Seminario Seveso, organizado pola Fundación Empresa - Universidade Galega (FEUGA), no que colaboran o ISSGA e outras empresas e institucións.

Este encontro, que se celebra os días 26, 27 e 28 deste mes en Santiago, pretende converterse nun foro de debate aberto aos profesionais da seguridade industrial afectados pola Directiva Seveso II, que ten por obxecto previr os accidentes graves nos que estean implicadas substancias perigosas e limitar as súas consecuencias para o home e para o medio ambiente, e polo Regulamento REACH, sobre o rexistro, avaliación e autorización de produtos químicos.

Na súa intervención, o xefe do centro coruñés do ISSGA salientou que o REACH, que entrou en vigor no ano 2007, suporá un impulso á eficacia da lexislación vixente sobre protección dos traballadores expostos a substancias perigosas, xa que axudará a avaliar os riscos químicos subministrando información sobre as propiedades das substancias e sobre as formas de reducir os riscos, mellorando a distribución desa información a toda a cadea produtiva e promovendo a substitución das substancias máis nocivas por outras menos agresivas a través dos procedementos de autorización e restrición.

Segundo destacou, este regulamento mellora a prevención do risco químico nas empresas, ao ampliar a información sobre as substancias existentes e os seus riscos, perfeccionar as ferramentas para avaliar eses riscos, eliminar substancias moi preocupantes e facilitar o proceso de avaliación e prevención do risco químico.

Martínez Losada fixo unha diagnose dos problemas que se detectan no ámbito laboral neste sentido, salientando a presenza de irregularidades na comercialización, a non integración das Fichas de Datos de Seguridade (FDS) na avaliación de riscos e a non consideración das mesmas no desenvolvemento de procesos.

En canto ás obrigas dos empresarios, subliñou que estes deberán determinar se existen axentes químicos perigosos no lugar de traballo, e, se así fora, deberían avaliarse os riscos para a saúde e a seguridade dos traballadores orixinados por eses axentes, considerando e analizando conxuntamente as súas propiedades perigosas e calquera outra información necesaria para a avaliación dos riscos. Esa información debe incluír a Ficha de Datos de Seguridade e, cando proceda, a avaliación dos riscos para os usuarios, contempladas na normativa sobre comercialización de axentes químicos perigosos.