Venres, Setembro 11, 2026
O Issga participa no XVI Congreso Internacional e XX Nacional de Ergonomía e Psicosocioloxía
Xixón 11 de setembro de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou no XVI Congreso Internacional e XX Nacional de Ergonomía e Psicosocioloxía, que se celebrou os días 10 e 11 de setembro en Xixón, organizado pola Asociación Asturiana de Ergonomía (PREVERAS) e a Asociación Española de Ergonomía (AEE). O encontro reuniu profesionais e especialistas de España, Latinoamérica e distintos países europeos para abordar os principais retos actuais da ergonomía e da psicosocioloxía aplicada.
Dous días moi intensos con relatorios, mesas, debates, … centrados na especialidade, e falando de saúde física e saúde mental, benestar, absentismo, presentismo, organización do traballo, alostasis, avaliacións cualitativas, transición climática, así como exemplos de aplicación da ISO TR 12295, as novidades da ISO 11228-3, a actualización do método OCRA, o estudo da carga física en repartidores a domicilio, a ergonomía nos EPIs, as cadeiras de oficina adaptadas a características individuais e moitas máis cousas.
No marco do congreso, César André Rivas, xefe da Sección de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do Issga, participaou na conferencia «Riscos psicosociais: novas publicacións», xunto con Mónica Gonzalo Terente, do Instituto Asturiano de Prevención de Riesgos Laborales (IAPRL).
A participación do Issga pon de manifesto o compromiso de Galicia coa prevención dos riscos psicosociais e coa protección da saúde mental no ámbito laboral, unha das liñas de actuación recollidas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que se concreta en diferentes actuacións do Instituto e, especialmente, no Laboratorio de Riscos Psicosociais, impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) como espazo de investigación, coñecemento e transferencia para avanzar na prevención e xestión destes riscos nas organizacións.