Novas

Venres, Xuño 26, 2026

O Issga participa no subgrupo de enfermidades profesionais do sector pesqueiro da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo

imaxe reunión CNSST sector pesqueiro

A Coruña,   26 de xuño de 2026

Nieves Lorenzo Espeso, xefa da Área Técnica de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía  participou  en representación do Issga na reunión do Subgrupo de enfermidades profesionais do sector pesqueiro da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST).

O sector pesqueiro constitúe un dos colectivos prioritarios de actuación do Issga, xunto coas mulleres do mar, polo que o Instituto participa activamente no desenvolvemento de actuacións destinadas a mellorar o coñecemento dos riscos laborais específicos desta actividade e a promover medidas preventivas adaptadas ás súas particularidades.

No marco deste subgrupo estanse a elaborar documentos orientados, por unha banda, a reforzar a formación e información dos profesionais sanitarios dos servizos de prevención, da atención primaria de saúde e das entidades xestoras e colaboradoras da Seguridade Social, en relación cos riscos profesionais e as enfermidades profesionais no sector pesqueiro.

Por outra banda, estes traballos buscan facilitar ás persoas traballadoras do sector información sobre as enfermidades profesionais máis frecuentes, os seus posibles sinais de alerta e os procedementos de actuación ante a sospeita dunha posible orixe laboral dos danos para a saúde.

Con esta participación, o Issga continúa colaborando na análise e mellora da saúde laboral no sector pesqueiro, achegando coñecemento técnico e contribuíndo á elaboración de ferramentas que favorezan a prevención, a detección temperá das enfermidades profesionais e a protección da saúde das persoas traballadoras.