Novas

Venres, Xuño 19, 2026

O Issga participa no III Seminario de Seguridade no Traballo Forestal celebrado en Ponte de Lima

Participación do Issga a cargo de de Ángel López, xefe do centro territorial do Issga en Ourense, e de Héctor González, xefe da Área Técnica de Seguridade no Traballo e Hixiene Industrial do mesmo centro territorial.

Ponte de Lima (Portugal), 19 de xuño de 2026

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou no III Seminario de Segurança no Trabalho Florestal: “Antecipar, Agir e Salvar Vidas”, unha iniciativa organizada pola Associação para a Certificação Florestal Minho-Lima coa colaboración da Autoridade para as Condições do Trabalho (ACT) e de The Navigator Company.

O encontro, celebrado na Escola Superior Agrária do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), en Refoios do Lima (Ponte de Lima), reuniu a profesionais, empresas, persoal técnico e representantes de entidades públicas vinculadas ao sector forestal co obxectivo de intercambiar coñecementos e promover unha cultura preventiva sólida nun ámbito de actividade estratéxico e especialmente exposto a riscos laborais.

A edición deste ano estivo centrada no lema “Prevención e Socorro no Traballo Forestal: Anticipar, Actuar e Salvar Vidas”, abordando cuestións relacionadas coa prevención de accidentes, a xestión dos riscos e a resposta ante situacións de emerxencia nos traballos forestais.

O Issga colaborou neste seminario participando no panel “Prevenção – Evitar o acidente antes que aconteça”, cun relatorio titulado “Cultura da segurança e liderança nas empresas florestais: do papel à prática”. Durante a intervención analizáronse os principais riscos laborais presentes no sector forestal e destacouse a importancia da integración da prevención en todos os niveis da organización como elemento clave para reducir a sinistralidade.

Así mesmo, déronse a coñecer distintas campañas, materiais divulgativos e publicacións elaboradas polo Issga para apoiar a mellora das condicións de seguridade e saúde no sector forestal galego.

A presentación correu a cargo de Ángel López, xefe do centro territorial do Issga en Ourense, e de Héctor González, xefe da Área Técnica de Seguridade no Traballo e Hixiene Industrial do mesmo centro territorial.

A participación neste encontro reforza a colaboración institucional e o intercambio de boas prácticas entre Galicia e Portugal, contribuíndo ao avance dunha cultura preventiva que permita anticipar os riscos, protexer ás persoas traballadoras e mellorar a seguridade nun sector de especial relevancia económica e social.