Venres, Outubro 17, 2025
O ISSGA participa nas Xornadas Técnicas sobre Seguridade e Saúde Laboral na Industria organizadas por ASIME
Vigo, 17 de outubro de 2025.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou este venres nas Xornadas Técnicas sobre Seguridade e Saúde Laboral na Industria, organizadas pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), co financiamento da Xunta de Galicia.
O encontro, celebrado na sede de ASIME en Vigo, reuniu a profesionais e representantes do sector industrial para abordar os principais retos e boas prácticas no ámbito da prevención de riscos laborais e da seguridade e saúde no traballo.
Durante a xornada, Alfonso M. Pérez, xefe do Centro ISSGA de Pontevedra, impartiu a ponencia “Traballos con risco de exposición ao amianto e ao po de sílice”, na que destacou a importancia de identificar, avaliar e xestionar adecuadamente os riscos derivados da exposición a axentes nocivos presentes en determinados procesos industriais. Na súa intervención, puxo o foco na necesidade de reforzar a formación e sensibilización das empresas e persoas traballadoras, así como na implantación de medidas preventivas eficaces que garantan contornas laborais seguras e saudables.
Con esta participación, o ISSGA reafirma o seu compromiso coa promoción dunha cultura preventiva sólida en Galicia, colaborando activamente con entidades e asociacións sectoriais para mellorar a seguridade e saúde das persoas traballadoras da industria galega.