Novas

Venres, Novembro 21, 2025

O ISSGA participa na XXVIII Xornada da SGPRL cun relatorio sobre saúde mental laboral

imaxe xornada SGPRL

Ourense 21 de novembro de 2025,

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou na XXVIII Xornada da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL), celebrada na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) baixo o lema «Saúde Mental no Traballo: o novo piar da prevención no século XXI».

O encontro reuniu profesionais da prevención, representantes institucionais e empresas para analizar a crecente relevancia da saúde mental no ámbito laboral e o seu impacto na seguridade, na produtividade e no benestar das persoas traballadoras. O programa incluíu conferencias, mesas redondas e espazos de intercambio de experiencias, abordando esta temática desde unha perspectiva multidimensional.

O ISSGA estivo representado por Ángel López Álvarez, xefe do Centro ISSGA de Ourense, quen impartiu a conferencia «A saúde mental na Estratexia Galega de SST: folla de ruta e prioridades». Nela expuxo as principais liñas de actuación da Estratexia, que poñen o foco na creación de contornas laborais máis saudables, na promoción do benestar emocional e no apoio ás empresas na identificación e xestión dos factores psicosociais, especialmente relevantes nos escenarios laborais actuais. Ademais, destacou o compromiso do ISSGA coa difusión de coñecemento técnico e co impulso dunha cultura preventiva que integre a saúde mental como elemento esencial da seguridade e saúde laboral.

A participación nesta xornada reforza o papel do ISSGA como referente técnico en prevención en Galicia e exemplifica o seu compromiso coa promoción da saúde mental laboral e co apoio ao tecido empresarial galego na mellora continua das condicións de traballo.