Novas

Martes, Abril 09, 2024

O ISSGA participa na xornada técnica sobre os 25 anos do documento LEP organizada polo INSST

Imaxe_xt_25 LEP

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024. Hoxe tivo lugar na sede do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) a xornada técnica "25 anos do Documento Límite de Exposición Profesional para axentes químicos en España”.

Ademais do INSST a xornada contará coa participación de varios organismos dedicados á PRL nas Comunidades Autónomas e a ITSS. En representación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) actúa como moderadora da mesa na que participan os axentes sociais a Subdirectora Xeral Técnica e de Planificación do ISSGA, Encarnación Sousa Rodríguez.

Nesta xornada presentouse a vixésimo quinta edición do Documento Límites de Exposición Profesional para Axentes Químicos en España (LEP) no que se expoñen cambios que poden derivar de modificacións nos procesos de produción, introdución de novas substancias, novos coñecementos técnicos e científicos, así como novidades normativas

O primeiro documento, publicado no ano 1999, nace como resultado do esforzo realizado polo grupo de traballo de Valores Límite de Exposición Profesional no INSST. Nel adóptanse os límites de exposición profesional para axentes químicos en España despois da súa aprobación pola Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

Anualmente o documento dos LEP para axentes químicos en España recolle os valores adoptados polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e que foron aprobados pola Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST). É o resultado do labor realizado polo grupo de traballo de Valores Límites da CNSST no que participa o ISSGA, representado por José Rega Piñeiro, xefe centro ISSGA da Coruña.

Este acto englóbase no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, como unha das liñas de actuación recollidas no Plan de actuación do ISSGA 2024: Intensificar as actuacións de prevención a substancias e axentes perigosos.