Xoves, Outubro 16, 2025
O ISSGA participa na Xornada sobre Ergonomía Aplicada no Sector do Granito, centrada na prevención de baixas laborais
Porriño, 16 de outubro de 2025
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou hoxe na Xornada sobre Ergonomía Aplicada no Sector do Granito, celebrada no Centro Tecnolóxico do Granito, un encontro dirixido a promover a prevención de baixas laborais mediante o deseño de contornas e ferramentas de traballo máis seguras e eficientes.
Miguel López Gey e César André Rivas, en representación do ISSGA aboradaron os “Retos en ergonomía e respostas do sector”, na que analizaron as principais problemáticas ergonómicas detectadas nas empresas do granito e expuxeron as liñas de actuación impulsadas polo ISSGA para reducir as lesións musculoesqueléticas e mellorar o benestar das persoas traballadoras.
Durante a súa intervención, os representantes do ISSGA fixeron fincapé na necesidade de integrar a ergonomía desde o deseño dos postos de traballo e de fomentar a cultura preventiva como ferramenta clave para reducir o absentismo e mellorar a produtividade no sector.
Con esta participación, o ISSGA reforza o seu compromiso coa mellora continua das condicións de seguridade e saúde laboral en Galicia, colaborando co tecido empresarial para promover unha industria do granito máis segura, sostible e saudable.