Novas

Mércores, Outubro 14, 2026

O Issga participa na xornada «Por un ambiente laboral seguro e saudable»

 Lucía Ferrón Vidán, xefa da Sección de Hixiene Industrial do Issga acompañada do resto de participantes da xornada

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026
 

A nosa compañeira Lucía Ferrón Vidán, xefa da Sección de Hixiene Industrial do Issga, participou hoxe na Xornada de Seguridade e Saúde no Traballo, organizada polo sindicato CSIF baixo o lema «Por un ambiente laboral seguro e saudable», centrada na promoción da saúde no traballo.

A xornada abordou diferentes cuestións de actualidade en materia de prevención de riscos laborais, como a reforma da Lei de prevención de riscos laborais, a exposición ao radon no ámbito laboral e o papel das persoas delegadas de prevención na acción sindical.

A intervención de Lucía Ferrón Vidán, titulada «O radon no ámbito laboral: obrigas preventivas», centrouse nas obrigas que deben cumprirse para previr os riscos derivados da exposición a este gas nos lugares de traballo e protexer a seguridade e a saúde do persoal traballador.

A participación do Issga neste tipo de iniciativas contribúe á difusión do coñecemento técnico e á promoción dunha cultura preventiva que favoreza contornas laborais máis seguras e saudables.