Mércores, Outubro 29, 2025
O ISSGA participa na xornada de presentación en Oviedo do “Manual do Recurso Preventivo e outras vixilancias de traballos”
 
Oviedo, 29 de outubro de 2025
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou hoxe na xornada de presentación do “Manual do Recurso Preventivo e outras vixilancias de traballos”, celebrada no salón de actos do Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais (IAPRL).
Esta actividade enmárcase no traballo conxunto que veñen desenvolvendo os Institutos de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, integrados no denominado Grupo CANO, creado co obxectivo de compartir coñecemento técnico e elaborar documentos comúns en materia de prevención de riscos laborais que dean resposta a problemáticas coincidentes nos distintos territorios.
O manual presentado é froito desta cooperación e recolle unha análise exhaustiva da normativa aplicable á figura do recurso preventivo, así como das funcións e responsabilidades que lle corresponden nas empresas. Ademais, o documento aborda outras figuras de vixilancia preventiva que interveñen en traballos de especial risco, como os realizados en espazos confinados, con risco de caída en altura, soterramento, afogamento por inmersión, ou aqueles que implican manipulación de explosivos, riscos eléctricos ou exposición ao amianto.
En representación do ISSGA participaron D. Héctor González Nóvoa e D. Ángel López Álvarez, técnicos de seguridade do Instituto, achegando a súa experiencia na análise e desenvolvemento dos contidos do manual. A súa participación reforza o papel do ISSGA como referente técnico en materia de prevención e a súa implicación activa nas iniciativas de cooperación interterritorial promovidas no marco do Grupo CANO.