Sábado, Novembro 21, 2026
O Issga participa na VII Xornada Galega de Actualización en Enfermería do Traballo, centrada nos retos da saúde laboral.
• Encarnación Sousa Rodríguez, subdirectora xeral Técnica e de Planificación, participou na apertura do encontro e presentou o portal web “Traballo seguro con nanomateriais”.
Ferrol, 21 de novembro de 2026.
O Issga participou na VII Xornada Galega de Actualización en Enfermería do Traballo, organizada pola Asociación de Especialistas en Enfermería do Traballo de Galicia (AETGA) baixo o lema «Liderando a vangarda en Saúde Laboral: ciencia, industria e prevención».
En representación do Instituto, Encarnación Sousa Rodríguez, subdirectora xeral Técnica e de Planificación, participou na mesa inaugural e presentou o portal web “Traballo seguro con nanomateriais”, unha ferramenta pioneira a nivel nacional que ofrece información técnica e boas prácticas para previr os riscos derivados da exposición a estes materiais.
O encontro abordou os principais retos da saúde laboral, con especial atención á prevención dos trastornos musculoesqueléticos desde a ergonomía, os riscos hixiénicos —como a exposición ao amianto, ao radon e aos nanomateriais— e as novas posibilidades que ofrecen o Big Data e a intelixencia artificial.
A xornada permitiu destacar o papel da enfermería do traballo na prevención de riscos e na promoción da saúde das persoas traballadoras, así como a importancia da colaboración entre asociacións profesionais, universidades e organismos especializados para favorecer a transferencia de coñecemento e a mellora das prácticas preventivas.
A participación do Issga enmárcase no seu compromiso coa mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo e co impulso de actuacións fronte aos riscos ergonómicos e psicosociais. Estas prioridades terán continuidade no novo Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia (2026-2029), que reforza a atención aos trastornos musculoesqueléticos e aos riscos psicosociais, así como a promoción da saúde e do benestar nos centros de traballo.