Xoves, Xuño 18, 2026
O Issga participa na reunión do Grupo de Traballo de Sílice Cristalina Respirable da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou o pasado 18 de xuño, en modalidade telemática, na 16ª reunión do Grupo de Traballo de Sílice Cristalina Respirable (SCR) da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.
A reunión centrouse no terceiro dos obxectivos do grupo de traballo: a elaboración de recomendacións de boas prácticas e orientacións para a xestión preventiva, así como a sensibilización para mellorar a protección das persoas traballadoras expostas á sílice cristalina respirable nas actividades identificadas como prioritarias, entre elas a produción e instalación de conglomerados de cuarzo.
Durante a sesión presentouse a proposta dunha campaña de sensibilización promovida polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), composta por un vídeo e varias infografías divulgativas. Baixo a mensaxe “non se ve, pero respírase”, a campaña busca concienciar sobre os riscos asociados á exposición á sílice cristalina respirable e fomentar a adopción de medidas preventivas.
As persoas integrantes do grupo de traballo analizaron e debateron os materiais presentados, valorando positivamente a orientación xeral da campaña e formulando diversas achegas para reforzar o seu enfoque preventivo e adaptalo aos sectores e colectivos aos que vai dirixida.
A participación do Issga neste grupo de traballo contribúe ao desenvolvemento das liñas de actuación recollidas na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo: Horizonte 2027, especialmente no relativo á prevención da exposición a axentes canceríxenos e outros riscos hixiénicos, promovendo contornos laborais máis seguros e saudables para as persoas traballadoras.