Novas

Luns, Maio 25, 2026

O Issga participa na reunión do Grupo de Traballo de Seguridade Viaria Laboral da CNSST

plan nacional de tráfico

Santiago de Compostela,  25 de maio de 2026

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou hoxe na reunión do Grupo de Traballo de Seguridade Viaria Laboral da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), celebrada en formato en liña e centrada na revisión das futuras Directrices Básicas para a Seguridade Viaria Laboral, co obxectivo de contribuír á mellora da seguridade viaria laboral e á redución dos accidentes de tráfico relacionados co traballo, unha das principais causas de sinistralidade laboral.

Manuel Gasalla Regueiro, técnico de Seguridade e Saúde Laboral do Issga,  participou nos debates técnicos desenvolvidos durante a sesión xunto co resto de integrantes do grupo de traballo procedentes das comunidades autónomas e da Administración Xeral do Estado.

Durante a reunión analizouse o documento “Directrices Básicas para la Seguridad Vial Laboral”, elaborado polo subgrupo de traballo específico de directrices en seguridade viaria laboral, co obxectivo de avanzar nun marco común de recomendacións e criterios preventivos orientados á redución da sinistralidade viaria no ámbito laboral. Os integrantes do grupo acordaron realizar unha nova revisión do documento para incorporar achegas e propostas de mellora antes da súa próxima análise e posible aprobación na seguinte reunión do Grupo de Traballo, prevista para o vindeiro 23 de setembro, coa intención de elevar posteriormente o texto ao Pleno da CNSST. Así mesmo, os representantes das comunidades autónomas acordaron manter reunións internas de coordinación para elaborar un documento consensuado de cara á próxima sesión de traballo.