Novas

Mércores, Novembro 04, 2026

O Issga participa na reunión do Grupo de Traballo da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo da CNSST.

imaxe da EESST

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou nunha nova reunión telemática dos Grupos de Traballo da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), coa asistencia da súa xerente, Adela Quinzá-Torroja García.

Entre os asuntos tratados figurou a organización dos próximos encontros dedicados ás conclusións da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo (EESST). Neste contexto, abordouse a proposta de datas e lugares de celebración dunha xornada e dun congreso nos que se analizarán e compartirán os resultados e as principais conclusións da Estratexia.

A reunión incluíu tamén a presentación do informe do Grupo de Traballo de accidentes non traumáticos, no que participa o Issga a través de Laura Neira Fernández, enfermeira do traballo do Instituto.

A participación do Issga nos diferentes grupos de traballo e espazos de colaboración constitúe unha oportunidade para fortalecer a rede de alianzas con outras administracións, organismos e entidades especializadas. Esta cooperación, que forma parte das liñas estratéxicas do Instituto, busca favorecer o intercambio de coñecementos e experiencias, compartir recursos e boas prácticas e coordinar actuacións conxuntas que contribúan ao avance da prevención de riscos laborais e á mellora da seguridade e saúde no traballo.