Xoves, Abril 21, 2022
O ISSGA participa na reunión da Rede española de seguridade e saúde no traballo
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021. O ISSGA como integrante da Rede española de seguridade e saúde no traballo (RESST) participou no día de hoxe na reunión virtual. Esta Rede serve como mecanismo de difusión e intercambio de información a escala nacional en materia de seguridade e saúde no traballo.
Mª Encarnación Sousa Rodríguez asistiu ao encontro onde se facilitou información sobre as noticias da Unión Europea, onde se continua traballando na actualización da directivas de pantallas de visualización de datos, lugares de traballo e amianto, na actualización de valores límite de exposición e en iniciativas para seguir loitando contra os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais. A continuación, deuse información sobre os estudos secundarios que derivan da enquisa europea ESENER, as publicacións da Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo (EU-OSHA) e a colaboración coa campaña do Comité de Altos Responsables de la Inspección de Trabajo (SLIC) sobre trastornos músculoesqueléticos (TME). Ademais, fíxose un percorrido polas actividades que se fixeron no 2021 e as programadas para este ano.
En relación coa Campaña 2020-2022 "Traballos saudables: relaxemos as cargas" destinada a promover a xestión da prevención de todos os riscos relacionados coa aparición de TME, a EU-OSHA marcou como áreas prioritarias: o teletraballo, as xeracións futuras e os riscos psicosociais en relación cos TME. Con motivo da próxima campaña europea adicada aos traballos seguros e saudables na era dixital, abordáronse temas de actualidade como o traballo remoto e virtual, sistemas dixitais intelixentes, robótica e intelixencia artificial.
A reunión finalizou destacando o papel da RESST como altofalante de comunicación, para o que se presentaron os resultados obtidos polo grupo de comunicación da Rede, a enciclopedia OSHWiki e unha proposta para compartir información dentro do grupo.