Mércores, Maio 13, 2026
O ISSGA participa na nova reunión do grupo de traballo de Amianto da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
O pasado 13 de maio de 2026 reuniuse por videoconferencia o grupo de traballo de amianto da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, no que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participa activamente desde a súa creación.
Durante a xuntanza abordáronse diferentes cuestións de especial relevancia relacionadas coa prevención dos riscos derivados da exposición ao amianto. Entre elas, destacou a análise da problemática detectada pola presenza de amianto en pastillas de freo importadas empregadas nos equipos de elevación dos muíños eólicos, unha situación que require unha especial atención preventiva debido ao potencial risco de exposición das persoas traballadoras implicadas nas tarefas de mantemento e reparación.
Así mesmo, presentouse a situación actual do déficit de vertedoiros autorizados para a xestión de materiais con amianto (MCA) en determinadas comunidades autónomas, unha circunstancia que está a dificultar os traballos de retirada e eliminación destes materiais. O grupo de traballo continúa impulsando actuacións para advertir desta problemática, que compromete cada vez máis as tarefas de desamiantado obrigatorias unha vez que os MCA chegan ao final da súa vida útil, unha situación crecente tendo en conta os anos transcorridos desde a prohibición do amianto.
O amianto continúa sendo un dos principais desafíos no ámbito da seguridade e saúde laboral, xa que aínda permanecen instalados millóns de toneladas de materiais que o conteñen. Neste contexto, o ISSGA dedica unha parte importante dos seus recursos á prevención deste risco e participa tamén noutros foros especializados, como o grupo de traballo da Rede Interterritorial de Seguridade e Saúde no Traballo e o do Consello Galego de Seguridade e Saúde no Traballo.
A prevención fronte ao amianto continúa sendo unha prioridade nas actuacións do Instituto e reflíctese expresamente no Plan de actuación do ISSGA 2026, no marco do obxectivo operativo 3.1 “Protección eficaz fronte a riscos específicos”, que inclúe as seguintes liñas de actuación:
-
3.1.1. Protección eficaz no camiño cara a un futuro sen amianto. Identificación e xestión dos MCA nos lugares de traballo. Asesoramento a outras administracións.
-
3.1.2. Xestión e comprobación dos traballos con risco por amianto.