Venres, Setembro 18, 2026
O Issga participa na II Xornada do Foro de Prevención e Seguridade na Estiba Portuaria
Vigo 18 de setembro de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou hoxe na II Xornada do Foro de Prevención e Seguridade na Estiba Portuaria, un encontro profesional que reuniu representantes do ámbito portuario, xurídico, técnico, institucional e empresarial para abordar os principais retos da prevención de riscos laborais no sector da estiba.
A seguridade nas operacións de estiba portuaria require unha visión integral da prevención, así como a coordinación entre os distintos axentes que interveñen nas actividades portuarias. Neste contexto, a xornada permitiu compartir coñecementos, experiencias e boas prácticas orientadas á mellora das condicións de seguridade e saúde das persoas traballadoras.
A participación do Issga correu a cargo de Diego Castro Balboa, xefe da Área Técnica de Seguridade no Traballo e Hixiene Industrial, que presentou as principais actuacións do organismo ante os accidentes laborais relacionados coas actividades de estiba e coa coordinación de actividades empresariais (CAE). Na súa intervención, puxo o foco na análise das circunstancias nas que se producen estes accidentes e na importancia de identificar os factores de risco para orientar medidas preventivas eficaces. Neste ámbito, o Issga achega o seu coñecemento técnico e experiencia para apoiar a mellora das condicións de seguridade nas operacións portuarias e a adecuada coordinación entre as empresas e persoas traballadoras que desenvolven a súa actividade nun mesmo centro de traballo.
Este tipo de actuacións do Issga están aliñadas coas prioridades establecidas no Plan de Actuación do Issga para 2026 e coa Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 (ESSTG27), que promoven a mellora continua das condicións de seguridade e saúde no traballo, a prevención dos accidentes laborais e o reforzo da coordinación e da colaboración entre os axentes da prevención.