Xoves, Maio 14, 2026
O ISSGA participa na II Xornada de Prevención de Riscos Laborais nos Corpos de Seguridade do Estado organizada por Aprosal
A Coruña, 14 de maio de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou hoxe na II Xornada de Prevención de Riscos Laborais nos Corpos de Seguridade do Estado, organizada pola Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Aprosal) que se celebrou no Sporting Club Casino de La Coruña.
A xornada reuniu representantes do ISSGA, da Inspección de Traballo e Seguridade Social, Fiscalía, forzas e corpos de seguridade, servizos de emerxencias e tecido empresarial co obxectivo de crear un espazo de encontro, análise e intercambio de experiencias arredor dos principais retos actuais da prevención de riscos laborais. O encontro puxo especial atención na coordinación de actividades empresariais en contornos de elevada complexidade técnica e organizativa.
A participación de Pablo García Fernández, xefe da Sección de Seguridade no Traballo do ISSGA en Pontevedra, centrouse nos retos actuais da coordinación de actividades empresariais e na necesidade de avanzar cara a unha cultura preventiva integrada, transversal e adaptada aos novos escenarios organizativos e tecnolóxicos. Durante a súa intervención, abordáronse cuestións clave como a complexidade crecente dos entornos de traballo, a coordinación entre as distintas empresas participantes, a integración da prevención en todos os niveis da actividade e o impacto das novas ferramentas dixitais e da intelixencia artificial na xestión preventiva. Así mesmo, púxose en valor a importancia da colaboración institucional e do intercambio de boas prácticas para mellorar a seguridade e saúde laboral tanto no ámbito público como no privado.
O programa da xornada permitiu tamén coñecer experiencias e actuacións reais desde unha perspectiva técnica, xurídica e operativa, afondando nas obrigas e responsabilidades dos distintos axentes implicados, así como na investigación e xestión de accidentes laborais.
Con iniciativas como esta, o ISSGA reafirma o seu compromiso coa promoción dunha cultura preventiva sólida, coordinada e innovadora, baseada na cooperación entre administracións, empresas e profesionais da prevención para avanzar cara a contornos de traballo máis seguros.