Luns, Agosto 10, 2026
O Issga participa na elaboración do Protocolo de Vixilancia Sanitaria Específica fronte ao Radon
A pasada semana publicouse na páxina web do Ministerio de Sanidade o Protocolo de Vixilancia Sanitaria Específica de Persoas Traballadoras Expostas a Radon, un documento que establece os criterios para a vixilancia da saúde das persoas traballadoras expostas a este axente e que será de aplicación nos supostos previstos na normativa vixente.
O protocolo constitúe un instrumento de referencia para os profesionais da saúde laboral e ten como obxectivo establecer unha estratexia común para a vixilancia da saúde das persoas traballadoras expostas ao radón, favorecendo actuacións baseadas na evidencia científica e harmonizadas en todo o territorio. Ademais, enmárcase nas actuacións previstas na Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 e no Plan Nacional contra o Radón.
Na elaboración deste documento participou o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), integrado no grupo de traballo coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, no que tamén colaboraron o Ministerio de Sanidade, o Consello de Seguridade Nuclear, sociedades científicas e outros organismos especializados.
Entre as persoas autoras do protocolo atópase Nieves Lorenzo Espeso, xefa da Área Técnica de Medicina do Traballo do Issga, quen participou activamente na elaboración deste documento, achegando a experiencia e o coñecemento do Instituto no ámbito da saúde laboral.
O protocolo aplícase ás persoas traballadoras que poidan recibir unha dose efectiva por exposición ao radón superior a 6 mSv por ano oficial e recolle os criterios para a vixilancia individual e colectiva da saúde, establecendo o contido e a periodicidade dos exames de saúde, así como as actuacións preventivas e de seguimento que deben desenvolverse para reducir o risco de cancro de pulmón asociado á exposición ocupacional ao radón.
A participación do Issga na elaboración deste protocolo reforza o compromiso do Instituto coa mellora da prevención de riscos laborais e coa protección da saúde das persoas traballadoras, contribuíndo ao desenvolvemento de ferramentas técnicas e criterios comúns que favorecen unha actuación preventiva eficaz fronte á exposición ao radón nos lugares de traballo.