Mércores, Outubro 14, 2026
O Issga participa na 13ª sesión do Foro Técnico de PRL da AEPI e a CEC
Arteixo, 14 de outubro de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou esta semana na 13ª sesión do Foro Técnico de Prevención de Riscos Laborais, organizado pola Asociación de Empresarios del Polígono de Sabón (AEPI), en colaboración coa Confederación de Empresarios de A Coruña (CEC).
A xornada celebrouse no edificio Arteixo Innovación, no polígono de Sabón, en Arteixo, e estivo dirixida ás empresas asociadas á AEPI.
Baixo o título «Claves para unha correcta xestión preventiva. As avaliacións de riscos», Vicente Bellas Vázquez, técnico do Issga, abordou a importancia das avaliacións de riscos como ferramenta fundamental para unha xestión preventiva eficaz nas empresas.
Durante a sesión afondouse na aplicación da avaliación de riscos á actividade preventiva, con especial atención á xestión dos riscos asociados aos traballos en altura, un ámbito no que resulta esencial identificar os perigos, establecer as medidas preventivas adecuadas e garantir unhas condicións de traballo seguras.
Con esta participación, o Issga continúa colaborando con organizacións empresariais para promover a integración da prevención de riscos laborais na xestión das empresas e contribuír á mellora da seguridade e da saúde do persoal traballador.