Novas

Martes, Maio 14, 2013

O Issga participa en Sevilla nunha mesa redonda sobre a integración da prevención de riscos laborais na pesca

Hoxe tivo lugar no Centro Nacional de Medios de Protección de Sevilla do INSHT a Mesa Redonda Integración da prevención de riscos laborais na pesca. Oportunidades de mellora na que o xefe do Centro ISSGA de Pontevedra, José Antonio Rodríguez Arribe participou cun relatorio sobre a Prevención de riscos laborais na frota pesqueira de Galicia e Guía de vixilancia da saúde.

Na última década produciuse unha mellora substancial da seguridade estrutural dos buques pesqueiros, do seu equipamento e da formación e capacitación das súas tripulacións. A devandita mellora foi o resultado da adaptación progresiva de buques e traballadores ás esixencias do novo marco lexislativo adoptado por España nos últimos anos.

 
A pesar destes avances, a pesca segue sendo unha das actividades con maior número de accidentes graves e mortais. A prevención de riscos laborais, nunha gran maioría de casos, segue sen estar integrada dun xeito real nas operacións e manobras de pesca, as cales, se adoitan realizar sen seguir procedementos prefixados de traballo seguro. Ademais, séguese asumindo que o risco é parte da actividade pesqueira: a cultura preventiva segue sen estar suficientemente asentada neste sector.

Algunhas Administracións Públicas desenvolveron unha serie de ferramentas que teñen por obxecto facilitar a integración da prevención de riscos laborais nesta actividade. A Mesa Redonda é unha magnífica oportunidade para, por unha parte, detectar novas oportunidades de mellora da prevención no sector e, pola outra, difundir e promover algúns dos traballos realizados polas devanditas Administracións.

 
Neste senso, a Guía de Vixilancia da Saúde no sector pesqueiro, elaborada por un grupo multidisciplinar de técnicos e médicos das comunidades autónomas de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia e que José Antonio Rodríguez Arribe presentou neste acto, estase desenvolvendo en diferentes etapas; a primeira delas dirixida ás frotas artesanal e de baixura, publicouse no outono de 2011; a segunda etapa, que aborda as actividades de marisqueo a pé, extracción de recursos específicos e actividades auxiliares á pesca presentouse este ano e queda unha terceira, en relación ás frotas de altura e grande altura, que se publicará nos vindeiros meses.