Venres, Xuño 20, 2025
O ISSGA participa en FOROMAR 2025: un espazo de diálogo e mellora do traballo autónomo no mar
Vilagarcía de Arousa, 20 de xuño de 2025
O Issga partipa en FOROMAR 2025, un foro creado para dar voz ás persoas traballadoras autónomas do réxime do Mar. Nesta ocasión o evento contou coa participación da xerente do Issga Adela Quinzá Torroja e Nieves Lorenzo Espeso, xefa da área Técnica de Medicina do Traballo e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do Centro Issga_A Coruña que interviñeron para achegar a súa visión sobre a seguridade e saúde deste colectivo como parte das actuacións dirixidas á formación e mellora da integración da PRL dirixidas a este colectivo.
Este encontro que ten como obxectivo impulsar o diálogo con administracións públicas e promover solucións reais aos desafíos que enfronta este colectivo, consolídase como un espazo de análise, reflexión e propostas, así como unha canle esencial para visibilizar as demandas do sector, estudar a súa situación actual e avanzar cara a condicións de traballo máis xustas, seguras e sostibles.
Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados.