Novas

Xoves, Maio 20, 2010

O ISSGA participa cun stand en Prevexpo 2010

O ISSGA participa na X edición do Congreso Andaluz de Seguridade e Saúde Laboral, Prevexpo 2010, que se celebra no Palacio de Congresos de Granada os días 19, 20 e 21 de maio organizado pola Junta de Andalucía.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, acompañada de dous técnicos, asiste ao certame no que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral está presente cun stand corporativo no que se difunde material divulgativo e publicacións das súas actividades.

Baixo o lema “Novos Tempos para a Prevención”, a feira andaluza celebra paralelamente Prevencia 2010, IV Congreso de Prevención de Riscos Laborais en Iberoamérica, coorganizado coa Organización Iberoamericana de Seguridade Social, reunindo a responsables científico-técnicos e políticos de organismos especializados, nacionais e internacionais, administracións, axentes sociais e económicos, destacadas empresas, universidades e colexios profesionais.

Entre outros temas estanse a tratar o novo modelo de desenvolvemento económico sostible e a prevención, a territorialización da prevención; a xestión do coñecemento en prevención; investigación, desenvolvemento e innovación en P.R.L; a posta en valor da P.R.L; as novas fórmulas de xestión en P.R.L; os novos riscos e riscos emerxentes; a problemática das enfermidades profesionais; os avances en hixiene industrial; e perspectiva de xénero e P.R.L.