Venres, Xuño 01, 2012
O ISSGA organizou unha xornada para á avaliación dos riscos orixinados polos axentes químicos no lugar de traballo
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou a xornada
Dita avaliación é complexa, non só porque os axentes químicos teñen propiedades perigosas moi diversas, senón tamén porque estes axentes están presentes nunha ampla variedade de actividades laborais
Na actualidade, ademais da lexislación que regula o risco químico, existen moitas ferramentas para levar a cabo unha axeitada actividade preventiva
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organizou na Coruña unha xornada técnica titulada ‘Sistemática da avaliación hixiénica’, que se enmarca dentro da oferta formativa do Instituto para este ano 2012, e que se centra na avaliación dos riscos orixinados polos axentes químicos nos lugares de traballo.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou a xornada e lembrou a complexidade desta avaliación que se establece como unha obriga para os empresarios, non só porque os axentes químicos teñen propiedades perigosas moi diversas, que levan consigo distintos tipos de riscos, senón tamén porque estes axentes están presentes nunha ampla variedade de actividades laborais, xa sexa por un uso intencionado, ou non. O feito de que algúns axentes poidan producir efectos sobre a saúde a longo prazo complica aínda máis a súa avaliación e control.
É necesario coñecer e avaliar os riscos derivados do uso ou da exposición para garantir un bo estado de seguridade e saúde dos traballadores. Así, en función das condicións de traballo e dos resultados da avaliación de riscos, aplicaranse as medidas de prevención ou protección necesarias, para eliminar o evitable ou, polo menos, ter controlado o risco dentro duns marxes aceptables.
Unha axeitada actividade preventiva
Na actualidade, ademais da lexislación que regula o risco químico, existen moitas ferramentas para levar a cabo unha axeitada actividade preventiva fronte aos axentes químicos. Para garantir o éxito da avaliación do risco químico é fundamental levar un orde e unha sistemática que garanta que non queda ningún aspecto sen considerar.
Os métodos simplificados de avaliación desenvolvéronse considerablemente nos últimos anos e están a adquirir un papel importante cando se trata o risco químico; por iso, integráronse dentro do esquema xeral de actuación preventiva e contémplanse como unha primeira aproximación ao problema hixiénico e como un complemento da avaliación cuantitativa.
É importante que o informe de avaliación de riscos permita elaborar a planificación preventiva, é dicir, o programa cronolóxico que indique as medidas a adoptar, así como as prioridades e prazos, asigne responsables e verifique mediante a revisión permanente a eficacia das medidas de control adoptadas, mentres non cambien as condicións de traballo previstas.
O ISSGA que, como parte das súas funcións de asesoramento técnico e divulgación, ten a obriga de subministrar ferramentas que contribúan á mellora das condicións de traballo, realiza esta xornada técnica para axudar a facer fronte á problemática dos axentes químicos e a adaptarse aos cambios lexislativos nos que nos encontramos inmersos.